08/04/2008

Día das Letras 08 (I)

Ola de novo a tod@s!!!
(Vale, vale, xa sei que aos de cuarto o profe vos dixo que non se debe usar a @ para o xénero, pero é que queda moi chula...)
Aínda que, polo que vexo todo o mundo pasa de entrar no blog e comentar, eu sigo actualizando así cando podo, non vaia ser que entre alguén...

Desta vez vou comezar coa serie de post sobre o Día das Letras Galegas deste ano que, como sabedes, vai dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez. Da importancia deste autor xa iredes vendo mostras no cole, neste mural que estamos preparando co Departamento de Normalización Lingüística (por certo, que moitas grazas a Tamariña e a Lariña pola súa colaboración e tamén a tod@s aquel@s que nos axudedes) pero para unha mostra do que é ser poeta, dicirvos que o único que foi capaz de facerlle deixar de escribir foi unha ferida provocada pola espiña dunha roseira, xa sabedes, como dicía Mecano: Unha rosa é unha rosa, que se lle vai facer. Se isto non é unha vida de poesía...

Indo ao gran, hoxe vouvos colgar aquí o primeiro dunha serie de vídeos que andan polo youtube da súa poesía, case todos orixinados na biblioteca do CeIP Mestres Goldar. Este é un que musicou Suso Vaamonde, o Romance do Pescador Peleiriño, a ver se vos gusta.

"http://www.youtube.com/v/XW7BhqhmFsk&hl=es">wmode="transparent" width="425" height="355">

Ata a próxima e...
BKS 1000!

06/04/2008

Home, sweet home...

Ola a tod@s!!!!

Pois si... Xa estamos de volta. Aínda non descarguei as fotos, pero vistas na cámara hai algunhas chulísimas, e ademais tamén son unha pasada as de Óscar e supoño que moitas de "Silvariña", así que en breves comezará a aparecer de novo a sección "Cadernos de Viaxe", Todo o que se pode saber e máis o que non da nosa viaxe a Mallorca, hehehe. Tranquis, tranquis, que é broma, só se van poñer as cousas boas, hehe.

Ata daquela,

BKS1000!

Para ir facendo boca, unha foto de Internet da piscina do hotel, porque da comida... Mellor estar quediños, hehehe.

05/03/2008

Concursos varios e variados

Ola a tod@s!
Xa levaba tempo sen actualizar, eh...
Pois hoxe toca post aburrido, pero é que resulta que á redacción desta leira do galego dixital chegaron varias convocatorias de concursos, que vos quero poñer aquí, a ver se atopamos @s literat@s que levades dentro:
O primeiro, do que xa vos dei conta antes, é o Certame Literario de Caixanova, para o que, por certo, só temos aínda unha obra, a de Alba C., así que xa sabedes, se queredes participar, poñédevos en contacto comigo ou con Montse.
A seguir, chegou o Premio da Festa da Filloa, de Muimenta. As bases son practicamente iguais que as do anterior, se ben neste caso tamén se poden presentar artes plásticas e a temática ten que versar sobre o Río Miño.
Ademais deses dous dos que xa vos falara, hoxe Lines pasoume unha nova convocatoria ben interesante: Trátase do 1º Premio Carlos Caneiro, organizado polo CPI Laureano Prieto da Gudiña (Ourense) por onde anda a compañeira Dina (acordádesvos, AREA?).
Imos ao interesante, os premios:
-Fin de semana na Warner con todo incluído (tren, entradas, hotel, entradas a museos...).
- Entradas e máis traslado a un festival de música a escoller:Festimad, Monegros, Viñarock, Fib...
-Entradas e estancia para ver a F1 de Valencia, do 24 de agosto.
As bases estipulan que ten que ser un relato en galego, de entre 3 e 5 páxinas e que hai que entregar antes do 30 de marzo, así que xa sabedes, a escribir!
Para + info, coma sempre, a romperlle a cabeza ao profe, que eu... encantado.
Veña, non me lío máis, só dicirvos aos que entrades que deixedes comentarios, que senón isto perde alegría, hehehe.
Coma sempre...
Bks 1000!

07/02/2008

"Na loita e na festa, a diglosia sempre apesta"


Pois si, titulo este post cunha paráfrase do mítico lema feminista "Na loita e na festa o machismo sempre apesta", cousa que tamén reivindicamos dende este caderno, pero neste caso non imos falar diso, senón dun novo eido ao que o galego acaba de chegar e no que parece que vai petar forte.
E é que, quen dixo que a música Dance tiña que ser en linguas estranxeiras? Pois non, por fin un dos moitos e moi bos dj´s que temos en Galiza se atreve a crear un corte na nosa lingua, e ademais de indubidable calidade, así que axiña estará presente nos "plásticos" que xiren nas nosas pistas de baile (acabo de mirar na rede e xa hai como 22000 entradas do google, incluídas páxinas de Asturies e outros lugares estranxeiros). Trátase de D.J. Son1co (neste caso featuring Isis, ou o que é o mesmo pero en galego, acompañado pola cantante Isis), pica-discos residente da discoteca Tatoo da Estrada, que vén de dar ao coñecemento público o seu novo tema: A festa non vai parar, unha canción ben feitiña para bailar da que o D.J. é compositor e letrista.

Vale, posiblemente moita xente estea estrañada de que eu colgue algo sobre a música dance, pero tedes que saber que, amén de ser folki perdido e da miña faceta verbeneira que xa deixei reflectida noutra ocasión, tamén tiven unha época discotequeira (e ata teño picado discos...), pero non é por esta faceta miña pola que poño esta nova aquí, senón porque por fin podemos saír de festa e oír música na nosa lingua, e cada terreo conquistado polo noso idioma (polo menos os que eu saiba) teñen aquí un lugar de saída ao mundo.


Pois non digo máis, só vos pido que a escoitedes aínda que non sexades especialmente afeccionad@s a este tipo de música, que de verdade que vale a pena. Ademais, pódese descargar libremente, así que velaquí vos deixo o enlace para descargala directamente. Non sei como se oirá na casa, pero eu escoiteina o sábado nun equipo profesional (nun pub, va) e soa xenial.

http://www.mediafire.com/?73mkbjmpszu

Pois nada, xa sabedes, que nunca pare a festa e, agardando os vosos comentarios mándovos...

BKS 1000!

17/01/2008

De diarios vermellos...



Ola de novo a tod@s!
Xa sei que prometera que esta actualización ía ser mellor que a anterior, e visto como me quedaron as fotos ben se nota que vai camiño de ser todo un auténtico churro, pero a verdade é que é totalmente improvisada, e feita nun momento. Desculpade, prometo ir mellorando nas seguintes...
Xa sei que non é habitual que vos canse a cabeza recomendando libros
(e como vedes xa van dúas actualizacións seguidas nas que o fago) e como comprenderedes (non hai máis que ver a dirección do blog) tampouco ten moito xeito que o recomende un libro en castelán. Tampouco vai ser así, eh. As fotos están en castelán porque foi as que atopei así sen buscar moito. Tamén (teño que recoñecelo) estaba en castelán a edición que eu lin, pero a que vos vou recomendar é a súa versión galega.
Trátase de O diario vermello de Flanagan (supoño que vos soará, unha personaxe de literatura xuvenil que seguro que lestes algunha vez) e O diario vermello de Carlota. Son a versión masculina e feminina de dous mozos que se coñecen e comezan a escribir un diario sobre as súas experiencias, dúbidas, coñecementos, erros e acertos no achegamento á sexualidade, e neles, ademais de literatura, ides atopar moitísima información sobre ese tema (métodos anticonceptivos, ETS), pero tamén vos ides rir un anaco, xa que é bastante divertido. Eu ata o de agora só lin o de Flanagan, pero estou agardando a que deixen libre o de Carlota, que o vou papar en canto poida.
Xa me contaredes e...
BKS 1000!

21/11/2007

Made in Galiza


Pois aquí estou outra vez, que non tiña moito co que actualizar, e decidín falarvos deste libro, que está xenial. Xa sei que a foto é cutre a morir, pero son bombonas de butano tuneadas.
Chámase Made in Galiza e basicamente reflexiona sobre a lingua, pero dun xeito moi coñero. Xa vos falarei máis polo miúdo del, pero aparecen cousas coma un prospecto coma se o galego fora un medicamento, que pasaría se o castelán en Madrid vivira a mesma situación que o galego en Galiza, etc.
Así que vos recomendo que o pilledes na biblio se o hai, ou incluso que llo pidades a profe como libro de lectura, que mola bastante.
E deixo aquí a actualización máis cutre da miña vida coa promesa de, na próxima, facelo con que vos esquezades desta, hehe.
Ata daquela, bks 1000!

03/10/2007

As sete mulheres do Minho




Pois si, que recordos de canción, non? Concretamente hoxe estiven a falar con outro dos membros da "exitosa" expedición (vale, que pasa? Molladuras, sustos, golpes, averías de portas e sono á parte, a verdade é que foi exitosa) que me dixo que precisamente estaba a ver o vídeo que se fixo nela e que aparecíamos sempre cantando, así que eu acordeime desta canción e decidín colgarvos aquí o vídeo que gravaron estas mozas nos estudos da Radio Galega en directo, así que, AREA e restantes membros do blogdegalego, preséntovos ás Faltriqueira, que, aínda que dín "Cabroes" en vez de Cabrais son boa xente. Agardo que vos guste e que axiña poidamos volver a cantala todos xuntos así que, polo menos ata a próxima actualización...
BKS 1000!