07/02/2008

"Na loita e na festa, a diglosia sempre apesta"


Pois si, titulo este post cunha paráfrase do mítico lema feminista "Na loita e na festa o machismo sempre apesta", cousa que tamén reivindicamos dende este caderno, pero neste caso non imos falar diso, senón dun novo eido ao que o galego acaba de chegar e no que parece que vai petar forte.
E é que, quen dixo que a música Dance tiña que ser en linguas estranxeiras? Pois non, por fin un dos moitos e moi bos dj´s que temos en Galiza se atreve a crear un corte na nosa lingua, e ademais de indubidable calidade, así que axiña estará presente nos "plásticos" que xiren nas nosas pistas de baile (acabo de mirar na rede e xa hai como 22000 entradas do google, incluídas páxinas de Asturies e outros lugares estranxeiros). Trátase de D.J. Son1co (neste caso featuring Isis, ou o que é o mesmo pero en galego, acompañado pola cantante Isis), pica-discos residente da discoteca Tatoo da Estrada, que vén de dar ao coñecemento público o seu novo tema: A festa non vai parar, unha canción ben feitiña para bailar da que o D.J. é compositor e letrista.

Vale, posiblemente moita xente estea estrañada de que eu colgue algo sobre a música dance, pero tedes que saber que, amén de ser folki perdido e da miña faceta verbeneira que xa deixei reflectida noutra ocasión, tamén tiven unha época discotequeira (e ata teño picado discos...), pero non é por esta faceta miña pola que poño esta nova aquí, senón porque por fin podemos saír de festa e oír música na nosa lingua, e cada terreo conquistado polo noso idioma (polo menos os que eu saiba) teñen aquí un lugar de saída ao mundo.


Pois non digo máis, só vos pido que a escoitedes aínda que non sexades especialmente afeccionad@s a este tipo de música, que de verdade que vale a pena. Ademais, pódese descargar libremente, así que velaquí vos deixo o enlace para descargala directamente. Non sei como se oirá na casa, pero eu escoiteina o sábado nun equipo profesional (nun pub, va) e soa xenial.

http://www.mediafire.com/?73mkbjmpszu

Pois nada, xa sabedes, que nunca pare a festa e, agardando os vosos comentarios mándovos...

BKS 1000!