28/04/2008

Vagos do mundo... A currar!


Ola!
Que tal vai todo?
Xa levaba uns días sen deitar nada por aquí, así que vos vou deixar unha novidade. Ben, realmente non é unha novidade porque xa levan tempo publicados, pero eu acáboos de descubrir.

Se es dos que deixan todo para a última hora. Se a mera idea de pasar máis de media hora diante de algo que lembre minimamente a estudos. Se, en definitiva es o que coñecemos como VAGO, pois tranqui, que aínda é posible salvar o curso.

Xa sei que é algo estraño que un profe recomende algo de El Rincón del Vago, pero desta vez vale a pena:

Trátase do seu manual Empollología para Vagos, onde ides atopar consellos bastante prácticos de como preparar o voso lugar de estudo, de como concentrarvos mellor, de que, como, cando e onde estudar e esas cousas.

Vale, non vai estudar o libro soíño, pero digamos que axuda bastante, así que xa sabedes: a chapar e ata a próxima...



BKS 1000!

13/04/2008

Sementeira




Moi boas a todas e todos!
(Como vedes fun deixando de usar @, que non é cousa de non predicar co exemplo).
Como levaba isto algo saturado co tema das letras e aínda non baixei as fotos de Mallorca para o Caderno de Viaxe (vale, son algo desastre con estas cousas, pero xa se sabe que os "artistas" somos xente de pouco sentido, hehehe) pois vou retomar o tema do dance en galego e como a algúns lles mola a canción de Sementeira, de Fuxan os Ventos e máis como xa vos dixera que existía unha versión en "Música empacadora" déixovos aquí o enlace e máis a ver se dou posto o reprodutor para que a poidades escoitar directamente dende aquí. A melodía de Sementeira aparece en 2 minutos ou así, pero tranquis, que acaba soando.

Conste que eu xuraría ter escoitado unha versión con letra, pero non vos preocupedes, que se existe heina atopar, e se a atopo, tamén a pendurarei.
Esta é de Soniko Db. A ver se vos gusta e un recordo aos artistas orixinais, que non sei que tal lles parecerá que lles tuneen as cancións, pero isto dos picas évos así.

http://www.goear.com/listen.php?v=6c73f80

Espero que lle mandedes uns bailes (tipo Eva ou outros pasos calquera...) e que recibades entre bit e bit...


BKS 1000!

10/04/2008

Letras 08 (II)- O Año Pitaño

Ola de novo!!!!

Pois como xa vos dixera (quen avisa non é traidor) eu vou seguir á miña aínda que ninguén se pase por aquí, e vouvos seguir rompendo a cabeza co tema das letras. Axiña colgarei cousiñas da viaxe a Mallorca, pero mentres non teño as fotos preparadas e tal, vouvos deixar un poema de Álvarez Blázquez que está incluído na obra Roseira do teu amencer que, como vos iremos explicando máis polo miúdo vía Tamara, Lara e mural do corredor, é unha obra que lle dedicou á súa filla "Colorín" ao nacer, xa que para el o feito de ser pai supuxo o descubrimento dunha morea de sentimentos novos que nunca imaxinara.
Trátase logo de poesía infantil, moi apropiada para lerlles aos pequenos e pequenas, así que se tedes irmáns xa sabedes, seguro que lles vai gustar. Velaquí vos deixo o vídeo deste poema titulado O Año Pitaño.




Agardo que vos guste (aínda que igual xa ides algo grandiñas e grandiños)e...


BKS 1000!

08/04/2008

Día das Letras 08 (I)

Ola de novo a tod@s!!!
(Vale, vale, xa sei que aos de cuarto o profe vos dixo que non se debe usar a @ para o xénero, pero é que queda moi chula...)
Aínda que, polo que vexo todo o mundo pasa de entrar no blog e comentar, eu sigo actualizando así cando podo, non vaia ser que entre alguén...

Desta vez vou comezar coa serie de post sobre o Día das Letras Galegas deste ano que, como sabedes, vai dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez. Da importancia deste autor xa iredes vendo mostras no cole, neste mural que estamos preparando co Departamento de Normalización Lingüística (por certo, que moitas grazas a Tamariña e a Lariña pola súa colaboración e tamén a tod@s aquel@s que nos axudedes) pero para unha mostra do que é ser poeta, dicirvos que o único que foi capaz de facerlle deixar de escribir foi unha ferida provocada pola espiña dunha roseira, xa sabedes, como dicía Mecano: Unha rosa é unha rosa, que se lle vai facer. Se isto non é unha vida de poesía...

Indo ao gran, hoxe vouvos colgar aquí o primeiro dunha serie de vídeos que andan polo youtube da súa poesía, case todos orixinados na biblioteca do CeIP Mestres Goldar. Este é un que musicou Suso Vaamonde, o Romance do Pescador Peleiriño, a ver se vos gusta.

"http://www.youtube.com/v/XW7BhqhmFsk&hl=es">wmode="transparent" width="425" height="355">

Ata a próxima e...
BKS 1000!

06/04/2008

Home, sweet home...

Ola a tod@s!!!!

Pois si... Xa estamos de volta. Aínda non descarguei as fotos, pero vistas na cámara hai algunhas chulísimas, e ademais tamén son unha pasada as de Óscar e supoño que moitas de "Silvariña", así que en breves comezará a aparecer de novo a sección "Cadernos de Viaxe", Todo o que se pode saber e máis o que non da nosa viaxe a Mallorca, hehehe. Tranquis, tranquis, que é broma, só se van poñer as cousas boas, hehe.

Ata daquela,

BKS1000!

Para ir facendo boca, unha foto de Internet da piscina do hotel, porque da comida... Mellor estar quediños, hehehe.