21/11/2007

Made in Galiza


Pois aquí estou outra vez, que non tiña moito co que actualizar, e decidín falarvos deste libro, que está xenial. Xa sei que a foto é cutre a morir, pero son bombonas de butano tuneadas.
Chámase Made in Galiza e basicamente reflexiona sobre a lingua, pero dun xeito moi coñero. Xa vos falarei máis polo miúdo del, pero aparecen cousas coma un prospecto coma se o galego fora un medicamento, que pasaría se o castelán en Madrid vivira a mesma situación que o galego en Galiza, etc.
Así que vos recomendo que o pilledes na biblio se o hai, ou incluso que llo pidades a profe como libro de lectura, que mola bastante.
E deixo aquí a actualización máis cutre da miña vida coa promesa de, na próxima, facelo con que vos esquezades desta, hehe.
Ata daquela, bks 1000!

03/10/2007

As sete mulheres do Minho




Pois si, que recordos de canción, non? Concretamente hoxe estiven a falar con outro dos membros da "exitosa" expedición (vale, que pasa? Molladuras, sustos, golpes, averías de portas e sono á parte, a verdade é que foi exitosa) que me dixo que precisamente estaba a ver o vídeo que se fixo nela e que aparecíamos sempre cantando, así que eu acordeime desta canción e decidín colgarvos aquí o vídeo que gravaron estas mozas nos estudos da Radio Galega en directo, así que, AREA e restantes membros do blogdegalego, preséntovos ás Faltriqueira, que, aínda que dín "Cabroes" en vez de Cabrais son boa xente. Agardo que vos guste e que axiña poidamos volver a cantala todos xuntos así que, polo menos ata a próxima actualización...
BKS 1000!

11/09/2007

Quen podería poñer nomes a sentimentos?

(Nota: Recoméndase a lectura deste post escoitando “Caixa de Roseira”, de Faltriqueira)(Algúns de vós tédela no e-mail)



“Che sarà, che sarà, che sarà?
Che sarà della mía vitta,
chi lo sà?
Se sonno molto o sonno niente
domani se vedrà
e sarà, sarà quell´ che sarà”

Sandro Giacobbe

“ Coma ao final dun escuro túnel,
ao final do curso vemos a luz,
e coa intensa luz os ollos
énchense de bágoas”
Lau, Andrea, Lore e SMS.

Como diría Markinhos Drinkin, pois si amigos, que putada! Efectivamente agora si que chegamos ao final definitivo do curso, ao final definitivo dun túnel, ao comezo definitivo dunha intensa luz, “una luz cegadora, un disparo de nieve”, que dicía a canción.

Como vedes na cita da dereita, hai quen compara este momento coa fin dun túnel, comparación perfecta, desde logo, pero a min gústame máis comparalo (aínda empregando realmente a mesma metáfora) co final dunha longa noite, mais non cunha longa noite calquera, nin cunha noite enorme de tronos e pesadelos, senón unha longa noite de doces soños, unha longa noite de plácido durmir, seguro como un está coa súa compañía de trasnos, princesas e meigas (imaxinari@s?).

Así pois, coma ao final dunha noite (e tamén ao final dun túnel) ao espertar vese a luz, mais sempre ten que haber un nunca maldicido de abondo espertador que nos devolve á vida, a unha realidade que, por desgraza habitualmente, non nos gusta tanto coma as nocturnas vivencias do mundo irreal dos soños.

Cal é logo a diferenza entre este espertar e os terribles espertares de todos os días? Pois a diferenza real radica en que, normalmente, non podemos lembrar a totalidade do soñado, de feito moitas veces en canto espertamos xa non logramos acordarnos de nada, mais neste soño, neste durmir case eterno, as visións conservaranse na memoria para toda a vida, coma o soño máis real e ao mesmo tempo máis fantástico vivido nunca.

Pois ben. A dura realidade cotiá agarda aí fóra, así que, se me desculpades, voume erguer e tentar enfrontarme a ela coa máxima gallardía que poida, aínda co lastre de ter que comparar sempre o que vexa neste duro e longo día que me espera e que non coñezo nin podo predicir en absoluto (non teño nin idea de por onde han ir as miñas viaxes neste barco de nubes e soños) co vivido durante un ano (+/-) feito noite, un ano non vivido, senón soñado.

O bo que ten, agora que o penso, é que, se mo permitides, sempre poderemos soñar espertos, e dende logo eu estarei sempre aquí, disposto a ocupar a través destas letras os soños de quen mo solicite. Se vós estades tamén dispost@s, eu comezarei a soñar agora mesmo...

Quizais xa soe a tópico, pero agora máis que nunca e con bágoas ben grandes nos ollos dígovos Ata a próxima e...
BKS 1000!

29/08/2007

Bótovos de menos!!!!


Pois nada, que andaba eu fedellando na rede e púxenme a mirar unhas cousas moi chusquiñas que ofrecen na Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega), así que decidín poñer esta postal pensada para dicirlle a alguén que o botas en falta. Ademais desta, hai outra morea delas, para felicitar aniversarios, casamentos, para dicirlle a alguén que se poña bo cando está enfermo... E todo en galego, e de gratis!
Ademais, tamén ofrecen horarios, etiquetas e cousas así para os cadernos. Se vos mola pasade por alí, veredes como flipa o voso seguinte profe de galego (que eu aínda soño con selo, pero a ver...) Veña, por hoxe máis nada, que me botan do ciber, só dicirvos QUE XA ME TARDADES,hehe.
Coma sempre, bks 1000!

16/08/2007

O Profe na Fervenza

Ola de novo!!!! Aínda que pareza mentira, que sempre estou a dicir que estou liadísimo, que non teño tempo para nada e non sei que máis historias, o certo é que algunhas noites aínda teño algún tempo para ir de festa, sobre todo en datas sinaladas coma o sábado pasado, que a poucos quilómetros da miña casa se fixo a festa do Encoro da Fervenza. Este encoro, un dos que ocupa maior superficie do noso país levou por diante na súa construción aldeas enteiras e boa parte dos campos que cultivaban os veciños das aldeas que quedaban, pero hoxe aquí ímolo mentar por unha boa causa. Fai unha morea de anos, os veciños de Antes (Mazaricos) comezaron a celebrar unha Xincana Automobilística (unha carreira de coches, vaia) nas terras pertencentes ao encoro que quedaban secas no verán. A festa foi medrando e fóronselle engadindo actividades: carreiras de cabalos, exposicións e feiras relacionadas coa agricultura, xogos populares, concertos e, nos últimos anos, unhas grandes festas ás que adoitan ir as mellores orquestras do país. Eu, que aínda sendo folki tamén teño a miña faceta verbenera, estiven alí este ano para ver as tres orquestras que actuaban: Olympus, Panorama e París de Noia. Eu, como vou tarde e con présa a todos lados, só vin o segundo pase desta última no que estaba, como non, SuperWilson. Había mogollón de xente, pero aínda así puiden falar un anaquiño con el, que me deu saúdos para todo o insti, a algunhas alumnas directamente, porque había algunha que outra por alí gozando da festa, e ao resto envíovolos eu, hala!! Por suposto, hai fotos e vídeos, e por suposto tamén, son un churro, así que de momento haise que conformar cunha foto do trompetista quitada da páxina web, pero espero que en breve alguén me facilite algunhas de maior calidade que poida colgar por aquí. Coa foto de Wilson gustándose déixovos ata a próxima. Que sigades pasando un moi bo verán e vémonos en breve. Bks 1000!


06/08/2007

Xardíns

Ola a tod@s!!!!!
Este aniño por aí deume para moito. Puiden coñecer xente xenial, tanto profes coma alumn@s, persoal non docente, xente á que non lle daba clase... Pero tamén me permitiu vivir outras experiencias incribles, e unha delas é volver subir a un escenario miles de anos despois, e volver fedellar na música despois de máis tempo aínda. Sabedes que? O mellor desas experiencias non foron elas en si, senón a xente coa que a compartín. Así logo aproveito para mandarlles unha aperta a tod@s el@s (especialmente a Manuel, que se pasou por aquí o outro día, e a Sary, que me dedicou unha morea de flogs) e para colgar un anaquiño desta artista do recitado, no que creo que saímos tamén os demais. Así e todo... Que ben o facemos, eh? Hehehehe. bks 1000!!!

19/07/2007

Avance informativo!

Collinlle gusto a isto de poñer cancións no blog, así que estou preparando un post (non o colgo aínda por que con esta conexión igual me xubilo antes) con versións de grandes éxitos. Xa vos aviso de que os compositores das murgas do antroido do Agra podédesvos ir preparando, que vou a por vós, hehe. Ah, por certo, que xa comezan a saír algunhas notas e por agora non van mal de todo, xa vos irei contando, vale? Apertas mil!

10/07/2007

Sing Star, hehe.

Ola! Como vai ese verán? Visto que a canción do último día só a puiden facer en 3º A, non fora ser que alguén me denunciase por maltrato ao ver como saía o persoal chorando coma magdalenas (segundo Markinhos Drinkin´tamén se aceptan corn flakes e máis galletas), visto tamén que moita xente me "esixiu" coñecela, e con esta conexión coa que é a segunda vez que intento colgar este post tampouco se poden facer marabillas, déixovos aquí a letra, para que os que non a coñecen poidan ver que tampouco é para tanto, e os que a oíron poidan opinar friamente. Porfa, non vos riades, que xa sei que non son Sabina compoñendo precisamente, pero fíxeno con todo o cariño.Aí vai:
Creo,
que volo vou escribir todo nun papel
sempre fun algo cobarde para comprender
que un verso non pode falar por min.
xxxxxx
Todos,
me dicían que isto non era pra min
que ensinando non podería nunca ser feliz
moitas grazas por axudarme a seguir.
xxxxxx
Quero saber
como hei facer
pra podervos esquecer
e non sufrir máis ao vos lembrar.
Como partir
se deixo aquí
a metade da miña alma?
Levareivos sempre no soñar.
xxxxxx
Sodes,
esa xente que me axuda a soportar
esas horas tan amargas da miña vida
todo daría por nunca ter que marchar.
xxxxxx
Creo,
que vou pasar na cama todo o verán,
non me importa estar durmido así poido soñar
esas cariñas que me alegraban as mañás.
xxxxxx
Quero saber
como hei facer
pra podervos esquecer
e non sufrir máis ao vos lembrar.
Como partir
se deixo aquí
a metade da miña alma?
Levareivos sempre no soñar.
Vedes como non era para tanto? É que a miña cabeciña tampouco dá para moito.Aínda así, como é de ben nacidos ser agradecidos, teño que citar a X.M. Estévez e a J. Lou, porque me inspirei no esquema das estrofas dunha canción súa de fai unha morea de anos, e é que a min agora non se me dá nada ben o pop. Ala, a opinar!!!!

04/07/2007

Intentando arranxalo...

Ola outra vez! Ía marchar xa, pero sentinme culpable por non actualizar, e púxenme a buscar algo co que facer un post, e aquí está.
Pois iso, que como lembraredes, en 3º B foi imposible poñer música na clase que se debería dedicar a tal fin, polo que lle collo prestado un vídeo aos da galega (que para iso currei coma un tolo alí durante un ano) e póñovolo aquí para que escoitedes a Quempallou, un dos grupos que iamos oír. Olliño á letra de Coa lingua de fóra, xa suporedes por que...





Se queres que saia a lúa
fecha os ollos meu amor
que mentres os tes abertos
a lúa pensa que hai sol.
xxxxxx
O sol prende nunha liña
as estrelas nun cordón
a lúa con fío de seda
e ti no meu corasón!
xxxxxx
Que vos pareceron? Eles están pelín pirados, pero as cancións son guais va que si? Dos concertos xa, nin falemos, que eu chupei ben deles e son... sen comentarios. Pois iso, recordade que En galego sempre quixemos vivir / en galego agora queremos vivir! (sempre tirando para a casa, hehe) e se queredes máis información, entrade en www.quempallou.com, que alí verédelos mellor. Bikos 1000!

27/06/2007

Coa mirada, o mundo. Coa palabra, o universo enteiro.

Din que unha imaxe vale máis que mil palabras...



Mais ás veces tamén cunha palabra podemos recordar mil imaxes:

GRAZAS

YA TENGO MSN PARA VOSOTROS!!

YA TENGO MSN PARA EL AGRA!!!
BUENAS A TODOS: COMO LO PROMETIDO ES DEUDA, ESTA SEMANA HE CREADO UNA CUENTA EN HOTMAIL PARA PODER AGREGAROS AL MESSENGER: pablerasagra@hotmail.com , AHÍ KEDA. ESPERO ABUNDANTES AGREGADOS PARA MANTENERME INFORMADO DE LO Q SE CUECE POR AKÍ. SALUDOS....

14/06/2007

Xavi

Ola de novo a tod@s! A verdade é que non se me ocorría que subir, porque ao igual que vós, estes días estou liadísimo, tanto corrixindo coma estudando, así que me puxen a mirar fotos de fai uns meses e, como hai quen me chama papi, tiíto, avoiño e outras andrómenas polo estilo, decidín desvelar o meu segredo. Que vos parece o meu Xavi?





Non vos asustedes, que aínda que me quede moi ben non é meu, senón dunha amiga. Chámase Xavi e esta foto é de cando só tiña uns días (el, que eu xa tiña uns aniños, hehe). Non pensedes que poño isto porque estea pensando na paternidade eh!, e menos despois de ter que dar conta de seis persoas durante unha fin de semana... Bufff, non me sinto capaz, que sendo pai dórmese moi mal (e o peor é que aínda menos dormen as fillas, non si?). Veña, déixovos que vou decidir que notas vos poño. Ata mañá!

06/06/2007

Un doce para a lingua

Eu, para non contradicir ao Pondal cando dicía aquilo de que as "meniñas da Cruña" deberiades falar galego, vou seguir co meu, a ver se ao final vos dou liado. Para iso volvo a un concurso do que xa vos falei, "Unha imaxe para a lingua" para rescatar esta foto. Chámase "Un doce para a lingua" e é a mensaxe que estes días abafantes de calor e exames vos quero transmitir: a vosa voz ao falar galego é doce coma un chupa-chups (vale, tamén se aceptan Koyaks) ao se derreter na boca, así que cada vez que vos acordedes falade galego, veredes como vos vén un saborciño a sugus de piña, hehehe. Sorte a tod@s e vémonos na clase.

01/06/2007

La casa gris

Como me metín no youtube para baixar o vídeo de keympa ocorréuseme que tamén podía poñer este. Son un grupo asturiano que se chama Llan de Cubel, e son bastante bos. Aínda así, preguntarédesvos porque aparece aquí o seu vídeo. Pois ben, a ver quen acerta a atopar nos compoñentes do grupo cal é curmán de Pablo, o profe.

Soidade

Como recordaredes, días atrás estivemos a ver a obra de Rosalía, e unha das ferramentas que empregamos para achegármonos a ela foi a música, de maneira que escoitamos dous poemas seus musicados. Un deles foi o coñecidísimo "Adios ríos, adiós fontes", que escoitamos na voz de Sandra Córcoles, cantante dun grupo catalán que fai música folk galega chamado keympa. Pois ben, desa canción, á que eles chaman "Soidade" fixeron un video-clip chulísimo, así que déixovolo aquí por se o queredes ver, pero non enrededes moito que hai que estudar!

25/05/2007

A última das letras 07

Ben, para rematar xa coa serie de post sobre as letras galegas (máis que nada porque aínda han chegar as do ano que vén e eu aquí ás voltas con estas) como sabedes onte houbo un acto no que, ademais de poder ver ao profe facendo un pouquiño o ridículo e a outros profes lucíndose como ten que ser, se lle fixo unha homenaxe a María Mariño, por ser a homenaxeada do día das letras deste ano, pero tamén a Luísa Villalta, con quen moita xente do instituto tiña vínculos persoais, e á que se lle fixo tamén unha homenaxe nas xornadas da muller ante o espello.
Ao remate do acto entregáronse tamén os premios do concurso literario do día das letras e do día do libro, dos que catro foron para usuarias deste blog, así que aproveito para felicitalas e, por que non, para felicitarme a min tamén. Ben seguro que se non tiveran un profe tan bo non levaban tantos, hehehe. Eu é que me teño que loar a min mesmo que vós non o facedes...
Póñovos un vídeo da actuación parecida á de onte que anda polo youtube, que aínda que ten pouca calidade pódese ver máis ou menos. Ata a semana que vén!

21/05/2007

Cadernos de Viaxe (e IV)

Ben, como vedes, o da viaxe ía quedando algo colgado, así que aproveito para meter hoxe (que realmente non hai moito máis interesante que meter) o último episodio, o do sábado pola tarde-noite, que persoalmente a min foi o que máis me gustou. A ver que opinades vós...
Como lembraredes (se non o lembrades mirade máis abaixo, que tampouco é tanto traballo...) deixamos a historia á hora de comer o sábado, tirados ao sol coma os lagartos á beira do balneario de Lobios, algúns cos pés metidos na auga morniña que alí había, e outros mirando de que ninguén fixera algunha burrada, cousa que nunca é posible... De feito, nesas andabamos cando un can se puxo a zanfonear por alí e, sen que nin sequera o Iker Jiménez teña explicación de como, unha espabilada quixo pecharlle a porta para que non entrara. Demostrando que esa persoa rompe todo o que toca, a porta quedou desguazada, polo que tivo que ir esa mestura de MacGiver e presentador de Bricomanía ao que chamades profe a arreglala. Pois empezábache ben a tarde, si...
Despois de tomar un café e algún xeado, subimos ao bus para intentar non romper nada máis, e co bandullo considerablemente satisfeito coa empanada, bocata de xamón e mazá que nos proporcionaran no albergue.
Dirixímonos a Portela do Homem / Portela do Home (en función de por que lado a mires...), tradicional fronteira pola que entraban masivamente os contrabandistas, e non me extraña, porque vaia camiñiños...
Nada máis atravesala, puidemos aprezar que, aínda que non nos guste, hai cousas nas que os portugueses nos levan bastantes anos luz, e pasamos de transitar por un camiño no medio do monte a circular por unha senda de paso restrinxido (o que posteriormente nos ocasionou algún problema) polo corazón dun precioso parque natural, que vén sendo o mesmo que un camiño no medio do monte, pero infinitamente mellor coidado. Nalgún punto deste pequeno itinerario foi cando, non sei se afortunadamente ou non, as expedicionarias coñeceron a canción de María da Fonte e eu da dificultade dalgunha xente para aprender as letras das cancións...
Pasando por varias vilas turísticas portuguesas (non esquezamos que o parque natural Peneda-Gerês, ao contrario que a parte galega, o Xurés, é un importante destino turístico) e por unha estrada que sae no WRC 2006, para que vos fagades unha idea de como é, chegamos ao noso destino, un punto de partida da Vía XVIII, tamén coñecida como Vía Nova Romana, e aos xa daquela famosos 10 km que tiñamos que percorrer a pata.
Collemos o imprescindible (incluídos os chuvasqueiros) e comezamos a marcha. Para empezar, e cando caeron catro insignificantes pingas, xa nos demos conta de que a alguén lle faltaba o chuvasqueiro. Pois ala! Alá ían os cinco chuvasqueiros azuis "made in Moncho" e máis o meu vermello do CTG, e a que non sabedes quen tivo que pringar sen el para que as súas alumnas non se mollaran? Premio! O de sempre...
Outra cousa que aprendín nesta viaxe é que o alumnado de 3º é lentísimo. Aos cinco minutos os primeiros xa nos levaban cousa de 1 km, máis ou menos. O camiño non tiña nada que ver coa idea que se ten comunmente dunha calzada romana, coas súas pedras e tal. Simplemente era unha pista de monte pola que ao berro de Coche! nos tiñamos que meter na lama para evitar os atropelos, motivo de que as urbanitas maiores do reino, que tiñan pensado non manchar os seus atuendos, se queixasen, obviamente pq aínda non sabían o que lles esperaba.
Fomos pasando Miliarios (e polo tanto millas, cousa que se agradecía) e chegou un punto no que o camiño se dirixía cara á dereita, e a vía romana seguía en forma de carreiriño polo medio do monte. Alá nos metemos por unha ponte que daba menos seguridade que un bebé pilotando un avión, pero, e agora si, o peor estaba por chegar.
Coma se se tratase dunha expedición perdida na selva, acabóusenos a auga (en parte "grazas" a que algunha pretendera lavar os baixos dos pantalóns, grrrrrrrr!) e a verdade é que os regos (que eran moitos) que había non nos daban alá moita seguridade para beber.
A estas alturas máis ou menos chegamos ao primeiro río e, que cousas, non?, non había ponte. Xa me asustei cando unha alumna me pediu que lle gardara o mb, o mp3 e a cámara de fotos (daquela a miña bandoleira debía de pesar como un quintal ou así), porque, segundo ela, era moi torpe. Menos mal que como non tiñamos auga as devoradoras estas comeran a mazá que eu gardara do xantar e foron alixeirando peso que senón...
Os meus temores confirmáronse. Había demasiada auga, e o truco era non preocuparse de mollar os pés e intentar pasar pisando as rochas. Pois esta individua debía de levar como un microsegundo ou así cando meteu a pata ata o xeonllo. Empezabamos ben. O resto, cunhas risas e tal, sen novidade. Obviamente, de todo isto hai fotos, pero cotízanse demasiado caras como para colgalas da rede. Igual nun programa de vídeos ou así...
Segundo intento: como un quilómetro despois, tivemos que vadear outro río, e neste caso nin pedras nin historias, habíase que mollar. Eu, directamente, decidín descalzarme e pasar andando, e outras nos dous primeiros pasos caeron dúas veces. Se non chega a ser o chuvasqueiro de Moncho aquilo podería ser unha desfeita. Cruzamos, por fin, e aproveitamos para encher auga, que baixaba cristalina e, como podía comprobar nos meus pés descalzos, a unha temperatura á que eu xuraría que a auga ten que estar en estado sólido.
Calzámonos, recompuxémonos, e seguimos ruta, mentres que a amiga do elemento líquido se adiantaba cun dos profes toda ensopada para cambiarse no bus. Obviamente, a chaqueta mollada (que pesaba unha barbaridade) non a levou, así que, ás miñas cousas e a todas as que lles foran sobrando a estas aproveitadas polo camiño, veuse a sumar unha chaqueta aos ombros que, ademais do peso e o estorbo, como comprenderedes a min aquela cousa rosa non me favorecía nada, nada, nada.
Podería dicir que despois xa foi todo un camiño de rosas, pero é que en ningún momento o foi: estreito, con buratos, con pedras (iso si, con algún anaco de calzada orixinal de escasos centímetros) e con máis costas que a Ronda de Outeir0, que xa é dicir. Estabamos no medio do monte, era xa bastante tarde, e creo que todos rezabamos para que César tivera ben calculado o que faltaba, mentres que debatiamos, en caso de que nos atacaran os lobos, a quen entregariamos primeiro para poder fuxir os demais. Nun momento dado apareceron unhas casas (de gardabosques, supoñemos) abandonadas, e as rapazas, que se ve que lles vai isto do mercado inmobiliario, meteron os fuciños, sen darse conta de que o chan estaba feito unha porquería e que aquilo podía caer en calquera momento e nós, coma sempre, desesperados.
Por fin chegamos á fin da nosa camiñata, que para máis INRI remataba cunha riba que a separaba da estrada e fixemos a foto da vitoria, que espero colgar aquí algún día destes. Nunca me custara tanto esforzo unha foto...
Como sempre hai listos de máis, un grupiño adiantárase e fora polo camiño equivocado, así que tivemos que os ir buscar no bus. Como lembraredes, a estrada (xa non digo a calzada, que non se podía transitar nin de coña) era de circulación restrinxida e non se podía parar máis que en dous ou tres sitios, así que como paramos nun que non era deses tardaron cousa de 2 minutos en aparecer os Guardinhas (autoridade portuguesa) especializados na natureza: Bronca, disculpas do buseiro que non lles entendía papa e outra vez o superprofe ao rescate. Como sei que algún filólogo le este blog, para que me entenda, eu falando ao Júlio Diéguez aaaaaamoooooodiiiiiiiiinhoooooooooooo. E pensar que ía empregar as súas ensinanzas para evitar unha multa por aparcar mal...
Unha vez apareceron os perdidos, retomamos o camiño cara a casa do tirón, e en vez de facer todas as paradas previstas, só paramos en Cea (de onde é o pan do mesmo nome) a tomar café e a demostrar que temos certos problemas que á nosa idade non se nos suporían, porque vaia cola a do baño...
Arrancamos de novo cara á Coruña (todos amoreados en dous asentos e contándonos as nosas cousas) e non atendemos a máis nada ata chegar a uns metros do instituto, onde nos sentamos todos correctamente para disimular diante dos papis que alí agardaban, que se nos chegan a ver como iamos flipan. Ao final, ás doce, dúas horas de retraso. E eu que tiña unha cea...
O máis importante de todo isto é o ben que o pasamos todos xuntos, o que aprendemos (sobre todo as urbanitas) e que gozamos da natureza no seu estado máis puro, que era un dos motivos fundamentais da viaxe, así que hai que repetila... Ah!, por certo, ao final, cheguei á cea, hehehe.

Buff, vaia ponte!!!

Acabamos de incorporarnos de novo ás clases e, supoño que vos pasará tamén, non dou collido o ritmo. Esta ponte foi bastante dura porque, se ben o xoves pola mañá o celebrei como se merece o día, con actos culturais etc, o resto das minivacacións paseinas currando, e é que isto de combinar a docencia con outras actividades non dá máis que dores de cabeza e do resto do corpo tamén. Como vedes non lle toquei ao blog, pero agora voulle meter algo.Vémonos na clase!

15/05/2007

E dalle coas letras...

Como imaxinaredes, estes días vouvos dar bastante a lata co tema das letras galegas, pero é que coa escusa desa celebración non paran de aparecer actividades relacionadas coa lingua, sobre todo na rede. María Mariño só publicou dous libros de poemas en galego, pero a súa figura agocha detrás unha impresionante historia, sen a que é imposible saber os motivos da súa escasa obra. Para aclararnos máis sobre a súa figura, a Xunta preparou unha páxina bastante ben feita e que, supoñamos, valerá de aquí en diante para todos os anos. Para quen teña curiosidade, www.17demaio.com.
Ademais, unha das empresas que máis iniciativas promove sempre por este tempo, que vén sendo Vieiros (xa sabedes, o xornal electrónico galego) está a buscar unha imaxe para a nosa lingua. O que se intenta atopar é unha foto ou un vídeo que represente o noso idioma. Aínda que só hai premio para a foto e vídeo vencedores, todas elas sairán publicadas na páxina web, cousa que non está nada mal. Se vos animades, tedes máis información en www.vieiros.com/unha-imaxe-para-o-galego.
E xa por último, que hoxe estoume poñendo algo pesado, sabedes que o noso centro, da man do Departamento de Normalización Lingüística, hoxe participa no famoso Correlinguas cunha mensaxe ben feitiña: "Faille as beiras á túa lingua", así que xa sabedes, a ligar en galego, que din os estudosos que se vende moito mellor na nosa lingua e ao mellor tamén na dimensión sentimental do comercio funciona ben. (Eu non podo opinar, porque como nunca o fixen noutra lingua non teño referencia, e ademais a miña fealdade seguro que tamén inflúe nos resultados, hehe). Ata a próxima!

14/05/2007

Cadernos de viaxe III

Aínda que hoxe xa case vou resultar pesado, vou aproveitar para meter o terceiro capítulo da nosa viaxe, que é cando pasaron as cousas máis interesantes. Para comezar, a isto das 7:30 da mañá, despois dunha noite de preocupación (aínda que tamén durmín bastante, non o vou negar) erguinme e a iso das 8:00 saín do apartamento que tiñamos os profes e o "autobusista", e onde descubrín por primeira vez todos aqueles privilexios que tiñan os meus profes e que eu non sabía: nótase que aínda hai clases... A miña idea era espertar toda unha panda de preguiceiros e preguiceiras, pero teño que recoñecer que me sorprendín cando vin a todo o mundo en pé e recollendo o albergue despois dunha noite da que non imos dar detalles. Desspois de intentar arranxar infrutuosamente unha porta de armario que, OLLO!, xa estaba mal cando chegamos, deixei que cada unha das intrépidas viaxeiras fixera a equipaxe (cousa que, en vez de facer, se volveron deitar, pero vaia) e fomos almorzar cunhas caras que metían bastante medo...
Ao saír a fóra chovia a chuzos. Nunca lle vira a lóxica a esa frase, pero o certo é que alí a chuvia doía ao bater na pel (feel the rain on your skin/nobody else can feel it for you/ only you can learn in it/ no one else, no one else / feel the words on your lips /lalalalalalalalaaaaaa), pero o "Mario Picazo" que levo dentro ( ou o Pemán, como queirades) só con mollar un dedo e calcular a forza de rozamento do vento contra as tellas, o logaritmo neperiano da atmosfera de Mercurio cruzado cos resultados do Negreira en Segunda B... ou sexa, que de pura chiripa, prediciu o que despois se ía demostrar: que a onde iamos ata estorbaba o sol e todo.
Collín unha caixa co avituallamento que nos deron no albergue e subimos ao bus con case unha hora de atraso (que conste que o de que o almorzo fora ás 9:00 e non ás 8:00 foi cousa dos do albergue, non nosa) polo que andamos todo o día coa hora pegada ao cú, como se adoita dicir.
A primeira parada (salvo paradas técnicas raras destas nas que eu remato repartindo colonia e lavándolle o pelo á xente con auga mineral e cousas así) foi en Celanova, onde suprimimos certas cousas, pero vimos os monumentos a Celso Emilio e Curros, e onde Sara e Laura leron "Longa noite de pedra" de C.E.F. e "O Maio", de Curros E.
Saímos escopetados cara ao campamento romano de Aquis querquennis, onde nos explicaron un pouco a historia da Via Nova Romana, excusa principal da nosa viaxe, vimos un pequeniño Power Point sobre o seu percorrido e paseamos por unha reconstrución que alí había. Despois fomos ver as ruínas do campamento propiamente dito, pero case non se vía nada porque estaba o encoro anegando a maior parte. Ademais, as Indiana Jones da vida que levaba por compañeiras quedaron mirando para os lagartos coma se foran os primeiros da súa vida e non se empanaron de nada do que alí había.
Como última parada da mañá, fomos a Santa Comba, pero non á miña casa, senón a Santa Comba de Bande, un dos primeiros vestixios de edificacións relixiosas do noso país. Alí unha señora moi amable explicounos un par de detalles (para ser unha afeccionada facíao mellor que a do catamarán), vimos un niño de paxaro non identificado, as barbaridades que se fan algunhas veces ao querer arranxar os monumentos ( nada, unhas tellas cantosísimas onde debería haber un teito de pedra...) e máis unha fonte, creo que a vixésima da viaxe ou así. Así e todo, aínda houbo tempo de tirarse un pouquiño ao sol...

Pero todo o bo ten un remate, e tivemos que volver subir ao bus, desta vez con máis ganas, porque iamos camiño dun lugar onde xantar, e tal e como estaban algunhas de famentas, xa tardaba. Ese lugar foi á beira do Balneario de Lobios, e máis do río Caldo, un río que, e non é coña, leva a auga quente, porque no seu leito hai fontes termais. Alí xantamos e mollamos os pés, presaxio do que ía pasar á tarde, e máis tostámonos algo, demostrando claramente que eu, como meteorólogo, son un as!

Máis sobre as Letras 2007

Antes de nada, disculpade por estes días de silencio, pero é que o servidor deste ordenador por algún extraño motivo negábase a entrar no blog, xa que, ao parecer, tiña un defecto de forma na configuración (eu nin papa, coma se me din que está posuído polo espírito dun poboado indio).
Como sabedes (ou debiades saber) este ano o día das letras galegas está dedicado a unha poeta (por moito que diga a academia, se elas se chaman poetas eu non as vou discriminar por razón de xénero) chamada María Mariño. A súa obra non é ao mellor tan coñecida coma a de outros homenaxeados, pero non carece de mérito. Tanto é así, que na nova edición de Apologhit (si, si, ese concurso de onde saíron cancións de tanto mérito coma a do iogurt de fresa -amorodo- e "in de ouxan") un dos participantes emprega un poema dela como letra da súa canción. Se entrades na páxina do concurso (www.apologhit.vieiros.com , creo) e escoitades a canción de "Manoele" que é como se fai chamar, poderedes ver como escribía a nosa autora.
(p.d. Podedes escoitar a do resto de participantes, votar e esas cousas, que normalmente aínda se botan unhas risas).

Concursos de letras e amor

Como sabedes, o 17 de Maio celébrase o día das Letras Galegas no noso país. Con ese motivo, moitas organizacións aproveitan para convocar concursos literarios. Un deles está organizado polo Consello da Xuventude de Galicia, e consiste nun concurso de declaracións de amor na nosa lingua a través do correo electrónico, para potenciar o uso da nosa lingua neses dous ámbitos. Se queredes participar, tendes que entrar na páxina www.cxg.org, onde atoparedes os datos relacionados con este concurso, que remata o 15 de maio. Ademais, as declaracións pódense ler nunha páxina do Consello da Cultura Galega. Entrade, que ao mellor declaróusevos o amor da vosa vida e non o sabedes... www.linguadeamor.eu. Nós non podiamos quedar atrás, e tamén armamos o noso. Así, o Departamento de Galego e máis o de Normalización convocan un concurso no que as bases son moi simples. Resumíndoas, pódese escribir do que se queira, no xénero que se queira (poesía, teatro, narrativa, xornalismo...) e coa extensión que se queira (obviamente, en galego). Deberedelos entregar na conserxaría antes do mércores 16 de Maio e os premiados diranse no acto das letras, que xa anunciaremos. Se participades, moita sorte!

08/05/2007

Libros da Terceira

Aproveito para avisarvos de novo que non esquezades os libros que hai que ler nesta avaliación, xa sabedes: ou ben Morning Star, de X. Miranda, ou ben Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana. Eu intentarei poñervos links relacionados para facer máis doada a escolla, pero de momento ten que quedar a cousa así que teño clase...

Caderno de viaxe II

Deixaramos a nosa particular historia no momento de xantar, cousa que fixemos nun sitio que, a priori, estaba bastante ben, con árbores e esas historias, pero a media comida empezou a chover, así que foi unha magnífica ocasión para que as intrépidas viaxeiras probasen os chuvasqueiros de Ramón (o de Soci).
Cando rematamos de comer (que foi, por certo, cando parou de chover) baixamos unha costa bastante pronunciada á beira dun souto sinalado cuns carteis bastante curiosos (hai fotos pero estas rapazas non as dan mandado) cara o mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil, que agora está habilitado como parador. Alí estivemos vendo o que se podía (obviamente os sitios guays de 4 estrelas estaban pechadísimos) en teoría en silencio, por respecto aos que estaban alí para descansar (deixádeme que repita o de "en teoría").
Agora tiña pensado poñer que volvemos ao bus, pero non podo deixar de reflexionar sobre a subida. Mima! Aquilo non era normal, e aínda algunha quería levar unha pedra ao lombo, desde logo...
A seguinte parada foi no peirao do Catamarán, onde tivemos que agardar un pouco a que arranxasen algúns problemas técnicos (coa pouca seguridade que dá iso) mentres que miramos como un señor maior pescaba (máis ben non pescaba, porque vaia estilo tiña...) ciprínidos ata que subimos á embarcación.
Resumindo, a aventura do catamarán consistiu en que nos tocou o máis cutre (cruzámonos con outro que molaba moitísimo máis) e nel percorremos grande parte dos canóns do Sil oíndo as poucas explicacións que nos daba unha "amable" azafata nunha extraña lingua que alguén asociou co castelán, pero que eu, como lingüista, non estou convencido de que o fora.
Aínda que a paisaxe é unha pasada, comentarios á parte, chega un punto da hora e media que dura que se volve un pouco coñazo, polo que algunha pretendía levar un pouco o catamarán, cousa que, unha vez vista a cara do capitán (autodenominábase así, o tío. Se chega a levar un trasatlántico...) quedou eliminada da nosa mente.
Como o aburrimento seguía e xa as alumnas se cansaran de xogar a todo o que se lles ocorría e eu estaba de leria cos outros profes, funlles ofrecer parte da comida que levara para xantar, por se algunha quería merendar. Pois menos mal que apartei axiña os dedos que senón...
Arredor das sete saímos do catamarán e subimos ao bus para proseguir viaxe. Por certo, o señoriño seguía sen pescar nada...
Xa ía o día acabadiño, polo que paramos nun mirador que nos comentara a "amable azafata" e no mosteiro de Santa Cristina, que tamén se vía dende o catamarán, e a onde as alumnas querían transladarse para convertelo nun cuátriplex, xa que foron ascendendo pisos no edificio abandonado entre a extrema preocupación dun servidor e máis dos outros profes, porque as madeiras estaban que daban pena.
Seguimos viaxe, e ás oito e bastante paramos en Castro-Caldelas, onde tomamos un café e volta para o bus para ir ao Albergue dos Biocos, sen que pasara nada extraño na viaxe a excepción de dous cervatiños que Césas viu de camiño e que nós non vimos porque iamos de leria entre nós (nada que sexa plan contar aquí).
Por fin, chegamos ao albergue, instalámonos e fomos cear (algúns máis que outras, que todo hai que dicilo).
Rematou a xornada cos profes (sobre todo eu, coma sempre) cantando ás portas do albergue e coas alumnas tapadas con mantas sentadas nun banco, ata que empezou a chover e tivemos que ir para a cama. Así pois, mañá seguimos que está quedando un post enorme.

04/05/2007

Xa estamos poñendo escusas...

Vale, pode soar a pretexto, pero neste post só vos quero pedir disculpas porque non seguín co da viaxe a Portugal. Non é que pase, intentareino rematar á volta da fin de semana, pero estes días teño moito traballo e ademais, como poderiades apreciar na clase, estou maliño da gorxa e hoxe pola noite, tan axiña como saia das clases, voume meter na cama, nin rede nin historias...

Veña logo, vémonos para a semana, que espero vir con voz e con "SUGUS" para todos, para que Cris vexa que non son tan odioso como ela pensa.
Pasádeo ben!!!

02/05/2007

Cadernos de Viaxe I

Venres 27 de Abril.
08:30 (+/-)
Son pouco máis das oito e media da mañá cando subimos ao bus. Caras de sono mentres que ocupamos os nosos sitios ordenadamente (incluso podemos dicir que por cursos) e saímos con dirección a Ourense. Á altura de Santiago, máis ou menos, as conversas xa son un pouquiño máis animadas entre os profes e alumnos, e ímonos achegando á cidade das Burgas pasiño a pasiño, como di a canción que tantas veces habíamos cantar nestes dous días.
10:45
Acabamos de chegar a Ourense e o que máis nos presta agora mesmo é estirar un pouquiño as pernas, polo que decidimos, antes de comezar a patear a cidade, coller un cuarto de hora de descanso na Alameda. Despois, xa repostos do bus, comezamos a coñecer un pouquiño a cidade. Vimos as Burgas, que a auga será moi quente, moi boa para a saúde e o que se queira, pero cheira a xofre que tira para atrás. Entramos na Catedral (interrompendo a misa, por certo) lemos textos diante da estatua de Otero Pedrayo e vimos onde naceron Pedrayo, Risco e Xaquín Lorenzo "Xocas" que, por outra banda, está todo en menos de dous metros. Ah, esquecíame! Tamén aproveitamos para mirar algún que outro escaparate, que de todo ten que haber, digo eu!
12:15
Subimos de volta ao bus, se ben a partir de agora as viaxes motorizadas han ser ata a fin da viaxe moito máis levadeiras e curtas. Dirixímonos cara San Pedro de Rocas e, claro, perdémonos e temos que dar volta. Non pasou nada, en poucos minutos estamos de volta no camiño correcto e podemos ver as tumbas antropomórficas (xa colgaremos fotos, pero basicamente son tumbas excavadas na rocha e que teñen a forma do corpo que se enterrou alí) subimos ao campanario (tiñades que ver as caras de vertixe) e imos visitar a fonte de San Bieito, onde houbo quen fixo un descubrimento que ía marcar o resto da viaxe: a existencia, usos e costumes das lesmas, que por alí abundaban bastante. Por esta altura a cousa xa comezou a coller tintes frikis cando nos puxemos a recitar (profes e alumn@s eh, non pensedes) cantigas medievais de memoria. Así acabamos...
13:30
Despois de todo isto, subimos de novo ao bus e voltamos atrás para ir ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, pasando por Luíntra, único sitio minimamente civilizado onde o alumnado da viaxe estaría (segundo as propias fontes) disposto a vivir (serán urbanitas...) e paramos a xantar, que xa algunha se levaba queixando da fame dende as doce da mañá, así que facemos un corte para a publicidade (e para que eu saia un momentiño ao recreo) e continuamos noutro momento.


Viaxe a Ourense e á Via Nova 2007

Como saberedes, este que asina e máis seis alumnas de terceiro (ía máis xente, pero os importantes somos nós, ou que vai ser isto...) estivemos de viaxe por diversas localidades de Ourense e Norte de Portugal nunha viaxe lúdica mais tamén literaria, cultural e, a tenor do que iremos contando, incluso deportiva e de alto risco (hai fotos, pero non é caso...).
Aínda que pareza que non ía facendo nada, o profe foi confeccionando todo un caderno de viaxe (maioritariamente mental, non o nego) que irei colgando pouco a pouco nestas leiras.
Ata daquela entón.

19/04/2007

Primeira Folla

Este blog é o diario de ruta que podemos compartir nestas follas finais da nosa navegación, mais tamén é unha mensaxe nunha botella nas mareas controladas electrónicamente da internet para que poidades, se queredes, participar con este vello capitán pirata da pata de pau en novas singraduras que, quizais con outra tripulación, seguirá realizando para acadar pouco a pouco un tesouro que só vós, meus e miñas secuaces, me podedes axudar a atopar. Así pois, aquí comeza o mapa do tesouro, e se os ventos nos son favorables axiña empezaremos a ver a illa segreda no horizonte.