14/05/2007

Cadernos de viaxe III

Aínda que hoxe xa case vou resultar pesado, vou aproveitar para meter o terceiro capítulo da nosa viaxe, que é cando pasaron as cousas máis interesantes. Para comezar, a isto das 7:30 da mañá, despois dunha noite de preocupación (aínda que tamén durmín bastante, non o vou negar) erguinme e a iso das 8:00 saín do apartamento que tiñamos os profes e o "autobusista", e onde descubrín por primeira vez todos aqueles privilexios que tiñan os meus profes e que eu non sabía: nótase que aínda hai clases... A miña idea era espertar toda unha panda de preguiceiros e preguiceiras, pero teño que recoñecer que me sorprendín cando vin a todo o mundo en pé e recollendo o albergue despois dunha noite da que non imos dar detalles. Desspois de intentar arranxar infrutuosamente unha porta de armario que, OLLO!, xa estaba mal cando chegamos, deixei que cada unha das intrépidas viaxeiras fixera a equipaxe (cousa que, en vez de facer, se volveron deitar, pero vaia) e fomos almorzar cunhas caras que metían bastante medo...
Ao saír a fóra chovia a chuzos. Nunca lle vira a lóxica a esa frase, pero o certo é que alí a chuvia doía ao bater na pel (feel the rain on your skin/nobody else can feel it for you/ only you can learn in it/ no one else, no one else / feel the words on your lips /lalalalalalalalaaaaaa), pero o "Mario Picazo" que levo dentro ( ou o Pemán, como queirades) só con mollar un dedo e calcular a forza de rozamento do vento contra as tellas, o logaritmo neperiano da atmosfera de Mercurio cruzado cos resultados do Negreira en Segunda B... ou sexa, que de pura chiripa, prediciu o que despois se ía demostrar: que a onde iamos ata estorbaba o sol e todo.
Collín unha caixa co avituallamento que nos deron no albergue e subimos ao bus con case unha hora de atraso (que conste que o de que o almorzo fora ás 9:00 e non ás 8:00 foi cousa dos do albergue, non nosa) polo que andamos todo o día coa hora pegada ao cú, como se adoita dicir.
A primeira parada (salvo paradas técnicas raras destas nas que eu remato repartindo colonia e lavándolle o pelo á xente con auga mineral e cousas así) foi en Celanova, onde suprimimos certas cousas, pero vimos os monumentos a Celso Emilio e Curros, e onde Sara e Laura leron "Longa noite de pedra" de C.E.F. e "O Maio", de Curros E.
Saímos escopetados cara ao campamento romano de Aquis querquennis, onde nos explicaron un pouco a historia da Via Nova Romana, excusa principal da nosa viaxe, vimos un pequeniño Power Point sobre o seu percorrido e paseamos por unha reconstrución que alí había. Despois fomos ver as ruínas do campamento propiamente dito, pero case non se vía nada porque estaba o encoro anegando a maior parte. Ademais, as Indiana Jones da vida que levaba por compañeiras quedaron mirando para os lagartos coma se foran os primeiros da súa vida e non se empanaron de nada do que alí había.
Como última parada da mañá, fomos a Santa Comba, pero non á miña casa, senón a Santa Comba de Bande, un dos primeiros vestixios de edificacións relixiosas do noso país. Alí unha señora moi amable explicounos un par de detalles (para ser unha afeccionada facíao mellor que a do catamarán), vimos un niño de paxaro non identificado, as barbaridades que se fan algunhas veces ao querer arranxar os monumentos ( nada, unhas tellas cantosísimas onde debería haber un teito de pedra...) e máis unha fonte, creo que a vixésima da viaxe ou así. Así e todo, aínda houbo tempo de tirarse un pouquiño ao sol...

Pero todo o bo ten un remate, e tivemos que volver subir ao bus, desta vez con máis ganas, porque iamos camiño dun lugar onde xantar, e tal e como estaban algunhas de famentas, xa tardaba. Ese lugar foi á beira do Balneario de Lobios, e máis do río Caldo, un río que, e non é coña, leva a auga quente, porque no seu leito hai fontes termais. Alí xantamos e mollamos os pés, presaxio do que ía pasar á tarde, e máis tostámonos algo, demostrando claramente que eu, como meteorólogo, son un as!

1 comentário:

LaU disse...

hehe xa o rematei de ler....segundo comentario do dia...recoñézoo aburrome m8!!

Bueno o primeiriño...nos sempre somos asi, cando hai que levantarse cedo un se levanta!! ...pero logo ven o de que pican os ollos, o de que ben se esta na cama...que uns do albergue din que o almorzo é unha hora máis tarde e bueno que sempre se esta ben 30 min máis na camiña no¿?
A noite non foi tan terrible...polo menos desde que sara trancou a porta hehe ( esta muller ten caracter...)
O segundo que os lagartos estaban chulos ou non¿? ao de lavar á xente con agua mineral so digo: GRACIAS P TODO!!!
En fin, a excursion foi do mellor ou non¿?
Veña saudiñooos!!