08/05/2007

Caderno de viaxe II

Deixaramos a nosa particular historia no momento de xantar, cousa que fixemos nun sitio que, a priori, estaba bastante ben, con árbores e esas historias, pero a media comida empezou a chover, así que foi unha magnífica ocasión para que as intrépidas viaxeiras probasen os chuvasqueiros de Ramón (o de Soci).
Cando rematamos de comer (que foi, por certo, cando parou de chover) baixamos unha costa bastante pronunciada á beira dun souto sinalado cuns carteis bastante curiosos (hai fotos pero estas rapazas non as dan mandado) cara o mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil, que agora está habilitado como parador. Alí estivemos vendo o que se podía (obviamente os sitios guays de 4 estrelas estaban pechadísimos) en teoría en silencio, por respecto aos que estaban alí para descansar (deixádeme que repita o de "en teoría").
Agora tiña pensado poñer que volvemos ao bus, pero non podo deixar de reflexionar sobre a subida. Mima! Aquilo non era normal, e aínda algunha quería levar unha pedra ao lombo, desde logo...
A seguinte parada foi no peirao do Catamarán, onde tivemos que agardar un pouco a que arranxasen algúns problemas técnicos (coa pouca seguridade que dá iso) mentres que miramos como un señor maior pescaba (máis ben non pescaba, porque vaia estilo tiña...) ciprínidos ata que subimos á embarcación.
Resumindo, a aventura do catamarán consistiu en que nos tocou o máis cutre (cruzámonos con outro que molaba moitísimo máis) e nel percorremos grande parte dos canóns do Sil oíndo as poucas explicacións que nos daba unha "amable" azafata nunha extraña lingua que alguén asociou co castelán, pero que eu, como lingüista, non estou convencido de que o fora.
Aínda que a paisaxe é unha pasada, comentarios á parte, chega un punto da hora e media que dura que se volve un pouco coñazo, polo que algunha pretendía levar un pouco o catamarán, cousa que, unha vez vista a cara do capitán (autodenominábase así, o tío. Se chega a levar un trasatlántico...) quedou eliminada da nosa mente.
Como o aburrimento seguía e xa as alumnas se cansaran de xogar a todo o que se lles ocorría e eu estaba de leria cos outros profes, funlles ofrecer parte da comida que levara para xantar, por se algunha quería merendar. Pois menos mal que apartei axiña os dedos que senón...
Arredor das sete saímos do catamarán e subimos ao bus para proseguir viaxe. Por certo, o señoriño seguía sen pescar nada...
Xa ía o día acabadiño, polo que paramos nun mirador que nos comentara a "amable azafata" e no mosteiro de Santa Cristina, que tamén se vía dende o catamarán, e a onde as alumnas querían transladarse para convertelo nun cuátriplex, xa que foron ascendendo pisos no edificio abandonado entre a extrema preocupación dun servidor e máis dos outros profes, porque as madeiras estaban que daban pena.
Seguimos viaxe, e ás oito e bastante paramos en Castro-Caldelas, onde tomamos un café e volta para o bus para ir ao Albergue dos Biocos, sen que pasara nada extraño na viaxe a excepción de dous cervatiños que Césas viu de camiño e que nós non vimos porque iamos de leria entre nós (nada que sexa plan contar aquí).
Por fin, chegamos ao albergue, instalámonos e fomos cear (algúns máis que outras, que todo hai que dicilo).
Rematou a xornada cos profes (sobre todo eu, coma sempre) cantando ás portas do albergue e coas alumnas tapadas con mantas sentadas nun banco, ata que empezou a chover e tivemos que ir para a cama. Así pois, mañá seguimos que está quedando un post enorme.

2 comentários:

LaU disse...

Bueno, o primeiro a pedra estaba xula ou non¿? ademáis non pesaba tanto hehe XD
Logo, a merena estaba moi rica e ainda nos botams as risas co jamon de pata negra jejeje
Os chuvaskeiros tapaban bn do frio iso non o pode negar ninguén.
O edificio era un triples non un cuadriplex¬¬ e o cuato meu era o d arriba de todo asi k a min nada!! k ainda non ia estar xulo vivir ahi eh!mmm ainda k o problema serian as lesmas k teñen costume de vivir p ali...nada lesmabron e nin lesma nin lesmo XDDDDDDDDDDDD
A verdade tamen sexa dita o home akel a tantiiiisima profundidade k etsaba e cn ese estilasso cmo non ia pescar!!!con tanto peise k tiña na bolsa!! ( ironia ¬¬ )
Bueno pois nada mais creo k xa comentei ben a xogada...
We unha cousiña mais o mellor veu d noite cando cantams pero tb veu nates cando eva, alex, sara e mais eu marchams p ahi d inspeccion e pillams medo pero bueno...nadiña bikosss!! Unha apertaaa!!

LaU disse...
Este comentário foi removido pelo autor.