11/09/2007

Quen podería poñer nomes a sentimentos?

(Nota: Recoméndase a lectura deste post escoitando “Caixa de Roseira”, de Faltriqueira)(Algúns de vós tédela no e-mail)



“Che sarà, che sarà, che sarà?
Che sarà della mía vitta,
chi lo sà?
Se sonno molto o sonno niente
domani se vedrà
e sarà, sarà quell´ che sarà”

Sandro Giacobbe

“ Coma ao final dun escuro túnel,
ao final do curso vemos a luz,
e coa intensa luz os ollos
énchense de bágoas”
Lau, Andrea, Lore e SMS.

Como diría Markinhos Drinkin, pois si amigos, que putada! Efectivamente agora si que chegamos ao final definitivo do curso, ao final definitivo dun túnel, ao comezo definitivo dunha intensa luz, “una luz cegadora, un disparo de nieve”, que dicía a canción.

Como vedes na cita da dereita, hai quen compara este momento coa fin dun túnel, comparación perfecta, desde logo, pero a min gústame máis comparalo (aínda empregando realmente a mesma metáfora) co final dunha longa noite, mais non cunha longa noite calquera, nin cunha noite enorme de tronos e pesadelos, senón unha longa noite de doces soños, unha longa noite de plácido durmir, seguro como un está coa súa compañía de trasnos, princesas e meigas (imaxinari@s?).

Así pois, coma ao final dunha noite (e tamén ao final dun túnel) ao espertar vese a luz, mais sempre ten que haber un nunca maldicido de abondo espertador que nos devolve á vida, a unha realidade que, por desgraza habitualmente, non nos gusta tanto coma as nocturnas vivencias do mundo irreal dos soños.

Cal é logo a diferenza entre este espertar e os terribles espertares de todos os días? Pois a diferenza real radica en que, normalmente, non podemos lembrar a totalidade do soñado, de feito moitas veces en canto espertamos xa non logramos acordarnos de nada, mais neste soño, neste durmir case eterno, as visións conservaranse na memoria para toda a vida, coma o soño máis real e ao mesmo tempo máis fantástico vivido nunca.

Pois ben. A dura realidade cotiá agarda aí fóra, así que, se me desculpades, voume erguer e tentar enfrontarme a ela coa máxima gallardía que poida, aínda co lastre de ter que comparar sempre o que vexa neste duro e longo día que me espera e que non coñezo nin podo predicir en absoluto (non teño nin idea de por onde han ir as miñas viaxes neste barco de nubes e soños) co vivido durante un ano (+/-) feito noite, un ano non vivido, senón soñado.

O bo que ten, agora que o penso, é que, se mo permitides, sempre poderemos soñar espertos, e dende logo eu estarei sempre aquí, disposto a ocupar a través destas letras os soños de quen mo solicite. Se vós estades tamén dispost@s, eu comezarei a soñar agora mesmo...

Quizais xa soe a tópico, pero agora máis que nunca e con bágoas ben grandes nos ollos dígovos Ata a próxima e...
BKS 1000!