Ola de novo!!!! Aínda que pareza mentira, que sempre estou a dicir que estou liadísimo, que non teño tempo para nada e non sei que máis historias, o certo é que algunhas noites aínda teño algún tempo para ir de festa, sobre todo en datas sinaladas coma o sábado pasado, que a poucos quilómetros da miña casa se fixo a festa do Encoro da Fervenza. Este encoro, un dos que ocupa maior superficie do noso país levou por diante na súa construción aldeas enteiras e boa parte dos campos que cultivaban os veciños das aldeas que quedaban, pero hoxe aquí ímolo mentar por unha boa causa. Fai unha morea de anos, os veciños de Antes (Mazaricos) comezaron a celebrar unha Xincana Automobilística (unha carreira de coches, vaia) nas terras pertencentes ao encoro que quedaban secas no verán. A festa foi medrando e fóronselle engadindo actividades: carreiras de cabalos, exposicións e feiras relacionadas coa agricultura, xogos populares, concertos e, nos últimos anos, unhas grandes festas ás que adoitan ir as mellores orquestras do país. Eu, que aínda sendo folki tamén teño a miña faceta verbenera, estiven alí este ano para ver as tres orquestras que actuaban: Olympus, Panorama e París de Noia. Eu, como vou tarde e con présa a todos lados, só vin o segundo pase desta última no que estaba, como non, SuperWilson. Había mogollón de xente, pero aínda así puiden falar un anaquiño con el, que me deu saúdos para todo o insti, a algunhas alumnas directamente, porque había algunha que outra por alí gozando da festa, e ao resto envíovolos eu, hala!! Por suposto, hai fotos e vídeos, e por suposto tamén, son un churro, así que de momento haise que conformar cunha foto do trompetista quitada da páxina web, pero espero que en breve alguén me facilite algunhas de maior calidade que poida colgar por aquí. Coa foto de Wilson gustándose déixovos ata a próxima. Que sigades pasando un moi bo verán e vémonos en breve. Bks 1000!
